Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Unha exposición achega a figura de Xosé Velo ao alumnado da Universidade de Vigo

Na súa presentación este luns, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, indicou que a acollida desta mostra está en liña co compromiso da institución académica coa cultura e coa galeguidade, centrándose neste caso na vida de Xosé Velo e “a súa loita por Galicia”. A exposición, apuntou o responsable académico, “supón unha oportunidade para achegar esta figura ao alumnado do campus”. Pola súa banda, Aser Álvarez, de Arraianos Producións e comisario de Love Velo, explicou que esta iniciativa forma parte do proxecto de recuperación da memoria de Xosé Velo desenvolvido arredor de 2022 con motivo dos 50 anos da morte do homenaxeado, contando coa colaboración de diferentes entidades, como a Asociación Galega de Cultura e Desenvolvemento Rural.

Love Velo, detallou o seu comisario, “é unha pequena viaxe a través da vida e das obras de Xosé Velo Mosquera. É unha exposición biográfica, onde contamos un pouco a súa historia, pero onde tamén se pode acceder a outros materiais a través de códigos QR”, como a súa voz. Nos seus paneis realízase un achegamento a diferentes etapas da súa vida, desde a infancia e xuventude, seguindo pola II República, a Guerra Civil e posguerra, os dous exilios que viviu e o secuestro do Santa María. “Xosé Velo nacera para ser un mestre e por suposto poeta pero cruzouse no seu camiño o alzamento militar e aí tivo sempre un compromiso férreo que mantivo ata a súa morte”, apuntou Aser Álvarez.

Unha historia que contar

Xosé Velo Mosquera, explícase na exposición, naceu en Celanova en 1916. Membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, chegou a ser elixido secretario xeral desta organización en 1935. Despois da guerra trasladouse a Vigo, onde o detiveron pola súa actividade antifranquista. En 1948 fuxiu a Portugal e foi detido, aínda que grazas á mediación do Unitarian Service e ao apoio do goberno de Rómulo Gallegos, puido trasladarse a Venezuela. En 1956 foi nomeado presidente do Lar Gallego de Caracas e, como delegado desta institución, participou activamente no Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires. En 1959 fundou o DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) cun grupo de exiliados españois e portugueses. A principios de 1961 dirixiu o secuestro do transatlántico Santa María, acción que pretendía denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas. O goberno brasileiro acolleu aos secuestradores como refuxiados políticos, e Velo e o seu fillo Vítor, que tamén participara no secuestro, establecéronse en São Paulo. Nesta cidade fundou unha libraría (Nós) e logo unha editorial (Galiza Ceibe), pouco antes de morrer, dun cancro de pulmón, aos 55 anos de idade.
Universidade de Vigo (UVigo)