Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Sala Alterarte pon o foco na faciana máis pictórica de Juan Carlos Meana

Un ano despois do falecemento de Juan Carlos Meana, Xosé Manuel Buxán sinala que é preciso “seguir a revisar e estudar o seu importante legado e pensar naquelas producións pictóricas que están nos seus inicios como artista”. Certamente, apunta o comisario, “o groso da súa produción artística foise expandindo a todo tipo de soportes e materiais (dende a fotografía ao vídeo, pasando polo uso de plastilina, bólas do mundo, espellos, madeiras, xabóns, escuadras de medir, cerámicas ou mesmo bolos de pan reseso) que foron ocupando a totalidade do espazo a xeito de soporte e, daquela, esquecendo o bastidor e o lenzo e, por ende, ao Meana máis propiamente pintor”. Porén, lembra, o homenaxeado especializouse en pintura na Facultade de Belas Artes da Universidade do País Vasco e logo foi profesor desta disciplina na Universidade de Vigo e membro tamén do seu departamento de pintura.

“A presente mostra é tan só unha primeira investigación (necesariamente sinxela por mor da escala do propio espazo) nese Meana orixinario e primordial que a finais dos anos 80 e principios dos 90 do século XX estaba moi en contacto cos intereses e os xeitos de facer na pintura española e internacional e que con trazo vigoroso e mestura de materiais interviña sobre lenzos, papeis e táboas”, afirma Buxán. En total son seis as obras de grandes dimensións expostas e nas que, comenta o comisario da mostra, “agroman a cada paso as brasas aínda vibrantes e acesas da luz de Juan Carlos Meana, do seu ollar”. A exposición será inaugurada este xoves, ás 20.00 h.
Universidade de Vigo (UVigo)