Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia sitúase por debaixo dos umbrais de pellets para os que os criterios internacionais recomendan actuacións de limpeza

Segundo explicou ao término do encontro Lino Sexto, director do Plan Camgal e subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia da Consellería do Mar, no encontro do Cecop para avaliar a evolución da vertedura de pellets provocada pola perda de parte da carga do mercante Toconao ante as costas de Portugal explicouse que todas as fontes consultadas, desde o Centre de Documentation, de Recherche, et de Experimentations sur les Pollutions Accidentelles des Eaux (Cedre) de Francia, á Norwegian Coastal Administration norueguesa ou a Organización Marítima Internacional (OMI), así como a experiencia doutros sinistros constatan que se está por debaixo das cotas que recomendan realizar actuacións de limpeza de costas.

Así, estase por debaixo dos 150 pellets/m2 que foi o método utilizado en Nova Zelanda tralo incidente do MV Rena. Non se chega tampouco á recollida de 50 gramos (3.000 unidades) de pellets de plástico por cada operador e día, baremo utilizado na costa de Sudáfrica tralo sinistro do MSC Susanna; e non se acadan os 500 ml (equivalentes ao contido de dous vasos) deste residuo granulado por limpador e día, criterio que se usou na costa de Noruega tralo accidente do Trans Carrier.

Segundo o director do Camgal toca comezar a pensar en que estes medios non causen máis dano que beneficios na costa galega, adaptándose de forma proporcional á situación real da costa. Por este motivo, os técnicos do Cecop recomendaron tamén unha desescalada progresiva dos medios de limpeza, aínda que se manterá a vixilancia constante para reaccionar, coa máxima velocidade, se se produce un cambio da situación.

Tralo análise dos informes facilitados e a observación continua que se realizan nas praias de Galicia, os técnicos que forman o plan Camgal chegaron á conclusión de que a comunidade reúne os criterios para reducir a alerta. Esta intención será transmitida á Delegación do Goberno en Galicia e, salvo que desde o Executivo estatal se manifeste algún tipo de oposición, será efectivo esta mesma semana. En caso de que nun futuro existisen criterios para subir de novo o nivel farase de forma inmediata.

Evolución da situación

No encontro dirixido por Lino Sexto participaron a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Sagrario Pérez Castellanos, así como técnicos de Intecmar, Meteogalicia e do Servizo de Gardacostas, que abordaron os traballos realizados e a situación actual da vertedura.

Desde a declaración da fase de alerta do Plan Camgal o día 3 de xaneiro do 2024 se intensificou a busca tanto marítima como con helicópteros e tamén terrestre para propiciar a detección de pellets. Despois de ter sacado dos areais 3.560 quilos deste material (equivalentes a 142 sacos) e case 12.000 quilos de outros residuos plásticos, os técnicos apuntan que os esforzos de limpeza das costas só resultan ser efectivos e eficientes no caso de enfrontarse a cantidades significativas de pellets.
R.