Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O programa Primavera Xove ofrece alternativas de ocio educativo durante a semana santa

Un grupo de xente moza desfruta esta semana de actividades de lecer educativo no campamento xuvenil A Devesa grazas ao programa Primavera Xove da Xunta de Galicia. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo durante esta mañá cos participantes nesta iniciativa que, ademais de supoñer unha alternativa de ocio para a mocidade, favorece a conciliación das familias.

En quendas de cinco días as mozas e mozas que se dan cita nesta proposta, que leva por nome ‘Nature Devesa’ levan acabo obradoiros de rastrexo e fototrampeo e de supervivencia no medio natural; fan roteiros en caiac polo río Eo con interpretación da súa riqueza natural; sesión de observación de estrela na praia das Catedrais ou espeleoloxía na cova do Rei Cintolo, entre outras actividades.

Na edición deste ano de Primavera Xove, a Xunta oferta case 600 prazas para persoas entre os 14 e 30 anos durante os meses de marzo e abril en seis instalacións xuvenís da comunidade. Trátase de que a mocidade conte con alternativas de ocio educativo e saudable e que os pais teñan máis oportunidades para conciliar durante as fins de semana ou en períodos non lectivos como a Semana Santa.

Ademais de na Devesa, outros espazos nos que se desenvolve esta iniciativa son os albergues xuvenís Mariña Española (Sada e Bergondo); Lug II (Lugo) e Area (Viveiro); así como os campamentos xuvenís de Pontemaril (Forcarei) e As Sinas (Vilanova de Arousa).

Cultura urbana

Por outra parte, a Dirección Xeral de Xuventude Participación e Voluntariado colabora coas xornadas lúdicas de cultura urbana ‘Ribadeo na rúa’ que desenvolve o concello os días 25, 26 e 27 deste mes de marzo. A programación inclúe talleres de skate; exhibicións de Roller e BMX Flat Land; un espectáculo de Operas Break’s, que combina a ópera, co break dance e a música DJ; obradoiros de graffiti, de estampado en camisetas ou tatuaxe un show de beatbox e a presentación do libro ‘Somos Hip-Hop’.

Así mesmo, mañá mércores haberá unha carpa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para informar dos servizos e programas que se levan a cabo desde esta área.
R.