Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • A Filmoteca de Galicia avanza no seu labor de recuperación, restauración e conservación do noso patrimonio audiovisual coa recente dixitalización de máis de 30 películas de diferentes xéneros e formatos, realizada ao abeiro do programa Hub Audiovisual da Xunta co obxectivo de poñer en valor e difundir o seu arquivo histórico. Con tal fin, a programación que desenvolve na Sala José Sellier da Coruña conta este ano cunha nova sección que, baixo a denominación Materiais para unha historia do cinema en Galicia, está a exhibir diferentes pezas do fondo da cinemateca, entre as que se atopan filmacións de carácter industrial ou familiar, moitas veces anónimas, pero de gran valor documental á hora de reconstruír a historia do noso cinema.
  • Este ano o programa Primavera Xove oferta case 600 prazas para persoas entre os 14 e 30 anos durante os meses de marzo e abril en seis instalacións xuvenís da comunidade. Trátase de que a mocidade conte con alternativas de ocio educativo e saudable e que os pais teñan máis oportunidades para conciliar durante as fins de semana ou en períodos non lectivos como a Semana Santa. Os espazos nos que se desenvolve esta iniciativa son os albergues xuvenís Mariña Española (Sada e Bergondo); Lug II (Lugo) e Area (Viveiro); así como os campamentos xuvenís de A Devesa (Ribadeo), Pontemaril (Forcarei) e As Sinas (Vilanova de Arousa).
  • A Consellería de Sanidade conmemora este 24 de marzo o Día Mundial da Tuberculose, cuxo lema é “Sí, podemos poñer fin á tuberculose”, reiterando o seu compromiso de continuar cos esforzos e actuar en consonancia coa estratexia “Fin á tuberculose”, da Organización Mundial da Saúde, que ten por obxectivo reducir a incidencia da tuberculose un 80% no ano 2030 con respecto ao 2015 para, posteriormente, eliminar esta enfermidade no 2050. O desenvolvemento do Programa galego de prevención e control da tuberculose da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, permite realizar o diagnóstico o máis rápido posible e poñer a todos os enfermos baixo tratamento para reducir este risco. Ao mesmo tempo, realízase o estudo a todas as persoas que estiveron en contacto cun caso de tuberculose contaxiosa e ofrécese tratamento a aqueles que están infectados.
  • A Xunta de Galicia abriu hoxe ao público a nova sala de arqueoloxía do Centro de Interpretación de Ons, o primeiro museo dedicado a poñer en valor e divulgar os principais restos patrimoniais, arqueolóxicos e etnográficos atopados na illa no marco das escavación realizadas nos últimos anos. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, inaugurou a exposición esta mañá acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, da directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e do director conservador do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández.
  • Trátase dunha aplicación web do Instituto de Estudos do Territorio (IET) dispoñible desde hai case ano e medio e que a día de hoxe inclúe un total de 52 rutas cunha extensión de máis de 2.300 quilómetros, con percorridos cartografados e en formato descargable. Tal e como avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a reunión do Consello Reitor do IET, ao longo deste ano prevese incorporar ao visor 25 novos itinerarios polo que o obxectivo é chegar a ofrecer preto de 80 rutas ciclistas —un 50% máis que as que ten na actualidade— cunha extensión de case 3.000 km, o que permitirá que afeccionados ao ciclismo e turistas en xeral poidan coñecer a Comunidade dun xeito diferente.
  • O Instituto Nacional de Estatística fixo públicos hoxe os datos de viaxeiros aloxados nos hoteis e pensións galegos durante o mes de febreiro, que constatan o avance cualitativo do turismo en Galicia. As cifras constatan que Galicia afianza a súa desestacionalización con incrementos de viaxeiros, noites e rendibilidade fóra de temporada alta. Deste xeito, coincidindo co mes do Entroido, os hoteis e pensións galegos rexistraron algo máis de 202.000 viaxeiros que fixeron máis de 364.000 noites, cifras que suponen incrementos do 3% e de case o 4% respectivamente con respecto ao ano pasado. Estes datos constatan que o aloxamento hoteleiro galego rexistra tres anos consecutivos de crecemento da demanda neste segundo mes do ano e acada a segunda cifra máis elevada dos últimos ambos.
  • A Mostra Primavera enDanza de Carballo celebrará a súa 22ª edición do 12 ao 30 de abril cunha carteleira que inclúe seis citas coreográficas programadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos que a Xunta de Galicia promove en colaboración coas entidades xestoras dos seus 41 espazos asociados. A carteleira preparada para o ciclo comeza con Vaivén, peza unipersoal de Marcia Vázquez, programada para o día 12 de abril; e Multiperspectivas #2, de Paula Quintas Cía., o día 13.
  • A de 2024 será a quinta convocatoria consecutiva que se fai da Bandeira verde, un galardón que aspira a servir tamén de correa de transmisión entre o traballo das administracións locais e a implicación da veciñanza no coidado das súas contornas, incidindo en que tanto concellos como cidadáns deben estar comprometidos na preservación dos elementos naturais e paisaxísticos. No marco da primeira edición, a convocada en 2020, resultaron galardoados Porto do Son e Moaña, os únicos concellos que recibiron a bandeira verde os catro anos seguidos.
  • A Xunta estima que, en principio, o 18 % dos concellos galegos poderían pedir a declaración de zona tensionada en base á lei estatal de vivenda e aos índices de referencia do Goberno central, tal e como explicou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a súa participación no encontro informativo Declaración de zonas de mercado tensionado e os seus efectos. A responsable autonómica reiterou ante representantes dos concellos, de colexios profesionais e de distintas entidades relacionadas co sector da vivenda que a Xunta non vai declarar de oficio zonas de mercado residencial tensionado, pero tramitará as solicitudes que os concellos presenten.
  • Durante tres días, recitais, concertos e faladoiros ocuparán o Teatro Principal e a Igrexa da Universidade reunindo representantes da cultura galega como María do Cebreiro, Abe Rábade, Guadi Galego, Su Garrido ou Alfonso Armada, este último responsable da lectura do manifesto, así como tamén artistas e activistas doutros países e culturas que converterán Compostela en centro galego da poesía. Ademais, o festival repite seccións xa consolidadas no seu programa como As mañás do ambigú, que se desenvolverán cada mediodía no Teatro Principal.