Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • Galicia instou hoxe ao Goberno central a tramitar con celeridade o reparto dos fondos de 2024 destinados tanto a compensar os danos causados polo lobo nas explotacións gandeiras como á adopción de medidas de prevención coas que evitar eses ataques. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, lamentou durante a súa participación por videoconferencia na reunión da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade que non se transferisen os fondos de 2023 como consecuencia da anulación por parte da Intervención Xeral do Estado do procedemento iniciado polo Executivo central ao detectar eivas na súa tramitación.
  • Galicia rexistrou 47.099 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior, o que o converte no segundo ano con máis descargas eléctricas da serie ao estar só por detrás dos 47.937 detectados en 2017. Máis polo miúdo, houbo 77 días de treboada, destacando o mes de xuño con 15 días; maio, con 13, e setembro, con 12. Así, o mes de xuño destaca con 16.640 raios, o 35% do total do ano, mentres que, en setembro e maio, se rexistraron 13.675 e 13.583, respectivamente. O día con maior número de raios detectados foi o 9 de setembro, con 10.204 descargas. Nesa xornada, Galicia atopábase baixo a influencia dunha extensa zona de baixas presións relativas en superficie acompañada por unha depresión en altura ao noroeste da Península.
  • O Centro Dramático Galego (CDG) estrea 'Os actos e as profecías', a produción central do seu 40º aniversario, este xoves 11 na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, onde desenvolverá 48 funcións ata o 26 de maio. Tamara Canosa dirixe esta nova proposta, á que lle dan vida 20 intérpretes, constituíndo un dos elencos máis numerosos do CDG nestas catro décadas de historia. Co mundo dos talent shows como punto de partida, Os actos e as profecías lanza ao aire cuestións como o lugar do público na creación, a fama, a competición e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito.
  • Este ano, o calendario chega con importantes novidades, entre as que destaca o regreso da Feira do Libro de Vigo ao centro, localizándose na praza de Compostela. Tamén se reforzarán todas as citas con maior variedade de eventos, contando con mesas redondas, presentacións, actividades infantís e debates, entre outras actividades. Baixo o título Atopa a túa Historia, a cita inaugural será en Ferrol, do 19 ao 21 de abril. A Feira do Libro de Santiago de Compostela celebrarase do 27 de abril ao 5 de maio; no Porriño será do 9 ao 12 de maio, e en Lugo do 13 ao 17 dese mesmo mes. Xa en xuño, Ourense acollerá a súa feira do dia 5 ao día 8, mentres que en Redondela será do día 13 ao día 16.
  • O Consello do Patrimonio Histórico Español decidiu aprobar por unanimidade que a candidatura da Ribeira Sacra sexa a proposta de España para inscribirse na Lista de Patrimonio Mundial. Así, tras o aprazamento estratéxico da candidatura decidido no ano 2021, o órgano de coordinación entre o Estado e as comunidades autónomas valorou positivamente a proposta da Xunta de Galicia para acadar o máximo recoñecemento da Unesco para esta zona das provincias de Lugo e Ourense á que se referiu como un exemplo de resistencia e calidade que serve de inspiración para todo o Estado. Trátase dunha decisión que supón retomar oficialmente a recta final do proceso da candidatura, coa previsión de que poida ser abordada na sesión do Comité do Patrimonio Mundial de 2026.
  • Trátase dunha iniciativa do fotógrafo Xulio Gil, comisariada por Xabier Limia, que se poderá visitar na sede de Afundación na Coruña ata o 25 de maio. A mostra, articulada por unhas 100 imaxes, tivo o seu berce no ano 1988 co gallo da exposición Antropolóxicas e continuou posteriormente coa colección Artistas Galegos dirixida por Antón Pulido. Desde entón, foi sumando fotografías ata construír este proxecto expositivo, composto por imaxes de gran formato e acompañado dun catálogo. As persoas que se acheguen ata este espazo poderán descubrir as miradas capturadas por Xulio Gil de numerosos artistas recoñecidos como Francisco Leiro, Laxeiro, Elena Colmeiro, Antón Pulido, Ánxel Huete, Rosalía Pazó e moitos outros.
  • O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno autonomico presentará no Consello do Patrimonio Histórico Español, que se celebrará na illa da Palma, a candidatura da Ribeira Sacra 'para que se converta en Patrimonio Mundial da Unesco'. A Ribeira Sacra abarca máis de 16.000 hectáreas de 22 concellos das provincias de Lugo e Ourense e está declarada Ben de Interese Cultural (BIC) desde o ano 2018. Para Rueda 'é un dos maiores tesouros patrimoniais de toda España' que destaca 'pola súa riqueza paisaxística, cultural e enogastronómica'. Por iso, asegurou que a Xunta agarda que 'obteña este recoñecemento internacional'.
  • Bota a andar un ano máis o programa de dinamización lingüística FalaRedes, pensado para encher o tempo de lecer con actividades en galego entre os máis de 200 concellos e agrupacións pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Polo de agora, o FalaRedes 2024 programa preto de 150 pases de 12 actividades de ocio diferentes que inclúen música, teatro, monicreques, obradoiros e mesmo unha exposición que se desenvolverán a partir deste mes e ata pasado o verán entre distintos concellos e entidades da rede. A edición ábrese este domingo 7 de abril en Allariz co primeiro pase de Made in Galiza, o espectáculo teatral de Séchu Sende que reflexiona sobre a actitude das persoas falantes respecto da súa propia lingua.
  • A Xunta de Galicia convoca axudas por un importe máximo de ata 8.000 euros para contribuír a financiar obras de rehabilitación de inmobles incluídos no Programa de mobilización de vivendas para o alugueiro, tal e como se recolle na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia. Os propietarios ou usufrutuarios das vivendas nas que se vaia actuar terán de prazo para presentar as súas solicitudes desde o 5 de abril, e ata o vindeiro 4 de novembro —se non se esgota antes o orzamento—. Cunha dotación global de 196.000 euros, a convocatoria deste ano do chamado Programa Rehaluga permitirá conceder subvencións por importes que se moverán entre un máximo de 3.000, de 5.000 ou de 8.000 euros en función do prezo do alugueiro e do concello no que estea localizada a vivenda en cuestión.
  • A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso presentou hoxe o cartel da súa 17ª edición, que se celebrará do 3 ao 12 de maio en diferentes espazos singulares dos concellos de Ourense, Castro Caldelas e Cea. Trátase dun evento dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos patrimoniais, que este ano ofrecerá cinco concertos a cargo de formacións de Serbia, Francia e España, ademais do dúo integrado polo arpista galego Manuel Vilas e a mezzo-soprano polaca Paulina Ceremuzynska.