Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • A Xunta insiste ao Goberno central na necesidade de liderar en Bruxelas a petición dunha "moratoria inmediata" de toda a nova normativa comunitaria que está poñendo trabas burocráticas innecesarias ás explotacións que "están asfixiando aos agricultores e gandeiros". Así o advertiu esta tarde o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, na súa intervención, por videoconferencia, no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, que estivo presidido polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.
  • O inventario de zonas húmidas de Galicia, un rexistro público con información sobre o número, extensión, valores e estado de conservación dos espazos deste tipo que hai na Comunidade, acaba de ampliarse coa incorporación de 250 novos elementos e a actualización de 10 que xa estaban incluídos. Así se recolle na resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, na que se informa tamén de que se pode acceder á visualización e descarga da cartografía dixital do inventario de zonas húmidas de Galicia a través do visor creado polo Instituto de Estudos do Territorio a tal fin.
  • A proposta da Federación de Cineclubs de Galicia para 2024 articúlase arredor de 19 ciclos e sete semanas de cine que terán lugar nos cineclubs Pontevedra, Lumière de Vigo, Adega de Vilagarcía de Arousa, Cangas, Poleiro de Goián, Bueu, Padre Feijoo de Ourense, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, Valle-Inclán de Lugo, Val Miñor de Nigrán, Serie B de Narón, O Acomodador de Allariz e Os Papeiros de Chantada. A cinemateca galega seguirá ofrecéndolles aos cineclubs algúns títulos procedentes da súa carteleira para a sala José Sellier da súa sede da Coruña, de xeito que incrementará o número de concellos galegos implicados por esta vía coa incorporación de O Barco, O Carballiño, Vilagarcía e Cangas.
  • Galicia propuxo este ano un total de 117 praias —40 pertencentes á provincia da Coruña, 16 á de Lugo e 61 á de Pontevedra— como candidatas a optar á Bandeira Azul 2024, a mesma cifra que as que xa presentara na edición anterior. Así o avanzou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, tras participar en Madrid na reunión do xurado nacional encargado de conceder uns distintivos cos que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos, entre outros.
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o Plan galego de atención domiciliaria en atención primaria 2024-2025 para potenciar e consolidar este servizo nos pacientes “que pola súa situación clínica non poden desprazarse de forma habitual ata o centro médico” coma persoas inmobilizadas, crónicos complexos ou que tras un ingreso hospitalario precisan certos coidados na súa vivenda. O obxectivo é establecer un modelo asistencial de atención domiciliaria baseado na proactividade do sistema, que é un dos piares da Estratexia galega de saúde 2030, así como na continuidade asistencial e no fomento da participación e a corresponsabilidade do paciente.
  • Galicia rexistrou un mes de xaneiro extremadamente cálido e normal no que respecta ás precipitacións, segundo o avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por Meteogalicia. Neste sentido, o primeiro mes do ano caracterizouse por uns últimos 10 días no que as altas presións deixaron tempo seco e, ademais, atraeron aire cálido, o que provocou que as temperaturas foran elevadas para esta época. Pola contra, os primeiros 20 días foron bastante típicos dun mes de xaneiro con frecuentes borrascas e entradas de aire frío.
  • A Xunta está a traballar na posible presentación dun recurso de inconstitucionalidade contra a lei estatal de vivenda mediante a recompilación de distintos argumentos como un informe preceptivo solicitado ao Consello Consultivo de Galicia. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vazquez, explicou hoxe que a Comunidade recorrerá aos tribunais se o Goberno central non dá resposta nesta semana ás propostas de modificación da normativa que lle remitiu nos últimos días o Observatorio da Vivenda de Galicia.
  • Foi presentado o programa da segunda edición do Festival Internacional de Animación Imaxinaria, impulsado por Afundación co obxectivo de dar a coñecer a animación audiovisual menos comercial, e funcionar tamén como punto de encontro de profesionais do sector. Baixo a dirección de Matilde Rodríguez, comisaria da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC), e do ilustrador e realizador coruñés Alberto Vázquez, referente na animación actual, gañador de numerosos premios nacionais e internacionais, as proxeccións e actividades principais de Imaxinaria terán lugar desde mañá ata o domingo na Sede Afundación da Coruña e con entradas á venda a beneficio do Banco de Alimentos.
  • Galicia é a cuarta comunidade autónoma con máis humidais declarados de importancia internacional. Ademais, seis zonas húmidas galegas están incluídas na lista Ramsar, un recoñecemento de carácter internacional que se outorga aos espazos deste tipo máis representativos de todo o mundo. En concreto, son a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a ría de Ribadeo; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. A Xunta ten elaborado o Inventario de zonas húmidas de Galicia.
  • O Festival Converxencias Portugal-Galicia chega á súa 10ª edición cunha ampla programación cultural composta por música, teatro, danza e literatura que se repartirá do 3 de febreiro ao 9 de marzo entre as localidades de Braga, Ponteareas, A Estrada, Padrón e Santiago de Compostela. Como cada ano, este certame cultural programa unha serie de actividades arredor do 23 de febreiro, data de nacemento de Rosalía de Castro e de pasamento do cantautor portugués Zeca Afonso, estreitando os lazos que unen Galicia e Portugal e evidenciando as semellanzas entre as súas linguas e culturas. Ademais, este ano inclúe unha publicación conmemorativa do 10º aniversario.