Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • A Cidade da Cultura volve celebrar a súa tradicional festa de Entroido convidando ao público a unha divertida tarde familiar. A música de Brais das Hortas e un gran baile de disfraces, con DJ e temática relacionada coa horta, serán os grandes protagonistas. O Entroido na horta celebrarase na tarde do luns 12 de febreiro no Museo Centro Gaiás dende as 16.30 ás 20.00 horas. O programa festivo comeza con música a cargo dun DJ para ir quentando motores e dar paso ás 17.30 ao concerto cheo de humor de Brais das Hortas. Ás 18.30 será o momento para dar boa conta do enxeño dos participantes que queiran mostrar os seus disfraces nun desfile no que non faltarán os premios á orixinalidade. Ás 19.00 retomarase o baile, acompañado de animación, para seguir gozando ata o fin de festa.
  • A nova edición do Morriña Festival terá entre os seus cabezas de cartel artistas como Aitana, Louis Tomlinson -que fora integrante de One Direction- ou Yandel, entre outros. O festival celebrarase o 26 e 27 de xullo e celebra este ano a súa cuarta edición. Ademais o festival contará con La La Love You, o galego Sen Senra, un dos artistas con máis talento da súa xeración. Completan a listaxe, entre outros, os barceloneses Doria ou unha das promesas musicais do momento, o dúo Marlena xunto con un dos maiores talentos da música española da actualidade, o madrileño Dollar Selmouni. Xunto a eles tamén estarán Enol, Yeico x Toni, Trashi e Garabatto.
  • O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recuperar ata o momento preto de 2.800 quilos deste material, o equivalente 111 sacos. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo balance dos resultados obtidos ata a xornada de onte e salientou que desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais máis de 6.000 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.
  • A Cidade da Cultura foi a insignia da cultura galega en 2023, segundo vén de publicar o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, un prestixioso informe elaborado coas valoracións de 414 expertos e profesionais de toda España que mantén a Galicia como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta. Así, o Gaiás encabeza a listaxe de propostas culturais en Galicia e entra no número 63 do ránking nacional, no que tamén figura o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) no 84, 13 postos por riba de 2022. Este recoñecemento avala así a calidade e innovación da programación ofrecida pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, que leva cinco anos consecutivos situándose nas tres primeiras posicións deste ránking galego.
  • A Xunta de Galicia, abre hoxe, luns, 15 de xaneiro, o prazo para presentar as solicitudes para as axudas para o pago do alugueiro, tal e como recolle a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia a pasada semana. A convocatoria, que está dotada cun total de 20 millóns de euros para os anos 2024 e 2025, establece que as axudas que poden acadar o 60 por cento do importe do alugueiro no caso de que as persoas beneficiarias pertenzan a un dos seguintes colectivos: menores de 36 anos, familias numerosas e monoparentais, emigrantes retornados a Galicia recentemente e cunha estadía mínima de 2 anos fóra de España, e persoas inscritas desde hai máis dun ano no Rexistro único de demandantes de vivenda protexida.
  • O dispositivo despregado nos últimos días pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recoller xa case o dobre de plásticos asimilables a residuos urbanos que pellets. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, detallou que desde a activación do dispositivo a comezos de mes os medios do Executivo galego recuperaron o equivalente a 92 sacos de 25 quilos, mentres que o resto de plásticos retirados das praias -materiais que comezaron a recollerse o pasado martes- roldan xa os 4.200 quilos.
  • O presidente da Xunta garantiu que o Goberno galego traballará “ata o último momento” ata que as praias galegas estean “absolutamente limpas” de residuos de pellets que están a chegar pola vertedura destes plásticos por parte do mercante Toconao. “Desde o primeiro momento o obxectivo da Xunta é claro; non descansar ata que as praias queden totalmente limpas”, garantiu, despois de informar da análise que o Consello da Xunta fixo sobre o impacto da vertedura de pellets.
  • As bibliotecas públicas celebrarán o Día do usuario/a das bibliotecas con máis dunha vintena de actividades para todos os públicos. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades anima á cidadanía a achegarse a estes espazos para desfrutar das citas, co obxectivo de ofrecer servizos de calidade e de carácter cultural e fomentar o gusto pola lectura. No marco desta cita, a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña agasallará aos usuarios con libros para fomentar a lectura e homenaxeará aos socios que máis préstamos realizaron no 2023, mentres que a Biblioteca de Lugo ten organizadas visitas guiadas polas súas instalacións.
  • A Rede Galega de Teatros e Auditorios dá comezo mañá en Lugo á súa nova programación semestral, no marco da que, ata o vindeiro mes de xuño, terán lugar 351 funcións escénicas e musicais en 41 concellos de toda Galicia. A Xunta e as entidades locais asociadas cofinancian este circuíto, que para todo o ano 2024 conta cun orzamento de arredor de dous millóns de euros, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte. En concreto, durante estes seis primeiros meses do ano serán máis de 130 as compañías escénicas e grupos musicais que actuarán na rede autonómica, xestionada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
  • A Xunta de Galicia intensificará a vixilancia das praias ante a posible chegada de máis pellets nos vindeiros días polo cambio das condicións marítimas, segundo informou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Durante a reunión que mantivo esta tarde con técnicos de MeteoGalicia para analizar a evolución das correntes mariñas, á que tamén asistiron o subdirector xeral de Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, e a directora de Instituto tecnolóxico para o control do medio mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, avaliáronse as previsións meteorolóxicas e a súa incidencia no desprazamento do material vertido polo mercante Toconao en augas portuguesas. Nesa liña, a vicepresidenta segunda explicou que un cento de efectivos se unirán, nos próximos días, ás máis de 200 persoas do operativo medioambiental despregado pola Xunta.