Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fai un chamamento xeneralizado á participación de toda a cidadanía na doazón de sangue e, de forma especial, aos doantes do grupo Cero Negativo. A demanda de compoñentes sanguíneos, por causa do incremento da actividade asistencial dos centros hospitalarios, e a coincidencia coas vacacións de Nadal, provocaron unha diminución nas reservas de sangue. Neste sentido, a Axencia fai un chamamento á doazón de todos os grupos sanguíneos, e á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS, xa que os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns diarias para levar a cabo de forma axeitada o seu labor asistencial.
  • A iniciativa Acende o Camiño de Santiago enmárcase nas distintas accións que ten en marcha Turismo de Galicia nestas datas co seu produto de promoción Nadal en Galicia, que aglutina diferentes propostas que se celebran nas catro provincias e convida aos galegos e visitantes a coñecer o destino tamén en Nadal poñendo así en valor o seu potencial turístico. Inclúense os beléns de Valga e de Begonte, ambos de interese turístico, xunto a outros situados en distintos lugares de Galicia, así como mercados navideños con artesanos, produtores, comerciantes que exhibirán e venderán os seus productos locais, pezas e colección de decoración nas principais cidades.
  • O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na xornada de presentación de HI_MOV, un proxecto europeo enmarcado no Programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. No acto, celebrado no Porriño, o director xeral puxo en valor o traballo que se está realizando para avanzar nas posibles aplicacións do hidróxeno verde na mobilidade sustentable. Así, o proxecto busca articular un ecosistema transfronteirizo que impulse a cadea de valor emerxente ao redor do hidróxeno verde e, especificamente, no eido da mobilidade.
  • A Rede Localis, xestionada polo grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, presentou este mércores en Santiago de Compostela o seu quinto informe, titulado Retos e desafíos dos municipios de menor poboación. Nel abórdanse os principais retos da xestión municipal: a modernización, a demografía e o inframunicipalismo, incidindo na necesidade de melloras para os municipios con maiores problemas demográficos. O documento foi presentado polos codirectores da Rede Localis, Concepción Campos e Alberto Vaquero, e a coordinadora da rede, María Cadaval, nun acto que contou coa participación da directora xeral de Administración Local da Xunta, Natalia Prieto.
  • A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ofrecerá este Nadal unha ampla programación cultural para todos os públicos. As bibliotecas, museos e arquivos dependentes da Xunta de Galicia concentran máis de 60 actividades e exposicións para estas festas. Obradoiros, mostras fotográficas e bibliográficas, actividades infantís, presentacións de libros, concertos e decenas de variadas actividades para pequenos e maiores ocuparán estas instalacións públicas durante as datas festivas. A programación completa pode consultarse na Axenda da Cultura de Galicia.
  • O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a autorización por parte do Consello da Xunta do convenio coa concesionaria Autoestradas de Galicia para manter conxeladas en 2024 as peaxes nas autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) e continuar aplicando as bonificacións activas. Deste xeito, segundo precisou, o Executivo autonómico vai destinar o vindeiro ano 5,5 M€ a estas dúas actuacións, 'beneficiando aos preto de 28.000 usuarios diarios destas dúas vías'.
  • A investigación ‘Análise da oferta da actividade comercial e demanda dos turistas e peregrinas/os en Compostela como final do Camiño’, realizada ao abeiro da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, aborda o influxo do consumo na configuración urbana comercial de Compostela, prestando especial atención ao fenómeno das peregrinacións na Ruta Xacobea e a como afecta as dinámicas comerciais. A investigación realizada por Sara María Torres Outón da UVigo baséase en 200 cuestionarios a comerciantes, hostaleiros e profesionais localizados nos eixos de entrada dos camiños, ensanche e zona vella.
  • Un informe presentado ante o Observatorio da vivenda de Galicia, órgano de carácter consultivo no que están representados promotores e axentes inmobiliarios, arquitectos e administracións locais, entre outros colectivos do sector, conclúe que en aplicación dos diferentes indicadores que propón a Lei estatal polo dereito á vivenda, a Comunidade podería chegar a ter entre un 20 e un 30% de concellos tensionados. Antes de presidir a reunión do pleno do organismo, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou que o punto principal a tratar sería o referido estudo, no que se analizan os prezos dos alugueiros ou o IPC, ademais doutros datos, co fin de clarificar a incidencia que podería ter a declaración de zonas tensionadas no conxunto de Galicia.
  • Esta exposición fai un percorrido pola historia da cidade de Ourense a través de documentos orixinais conservados no Arquivo Histórico Provincial, así como fotografías en paneis e dispositivos electrónicos procedentes doutros centros culturais e de particulares. Colaboran o Arquivo da Catedral de Ourense, a Biblioteca da Deputación de Ourense, a Fundación Cidade da Cultura, Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, a Coral de Ruada, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo Etnolóxico de Ribadavia.
  • Por primeira vez as 4 provincias galegas presentan candidatura para contar co distintivo de Sendeiros azuis, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna. A Bandeira Sendeiro Azul premia e recoñece a recuperación e posta en valor de sendeiros e itinerarios.