Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O dispositivo despregado nos últimos días pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recoller xa case o dobre de plásticos asimilables a residuos urbanos que pellets. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, detallou que desde a activación do dispositivo a comezos de mes os medios do Executivo galego recuperaron o equivalente a 92 sacos de 25 quilos, mentres que o resto de plásticos retirados das praias -materiais que comezaron a recollerse o pasado martes- roldan xa os 4.200 quilos.
  • O presidente da Xunta garantiu que o Goberno galego traballará “ata o último momento” ata que as praias galegas estean “absolutamente limpas” de residuos de pellets que están a chegar pola vertedura destes plásticos por parte do mercante Toconao. “Desde o primeiro momento o obxectivo da Xunta é claro; non descansar ata que as praias queden totalmente limpas”, garantiu, despois de informar da análise que o Consello da Xunta fixo sobre o impacto da vertedura de pellets.
  • As bibliotecas públicas celebrarán o Día do usuario/a das bibliotecas con máis dunha vintena de actividades para todos os públicos. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades anima á cidadanía a achegarse a estes espazos para desfrutar das citas, co obxectivo de ofrecer servizos de calidade e de carácter cultural e fomentar o gusto pola lectura. No marco desta cita, a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña agasallará aos usuarios con libros para fomentar a lectura e homenaxeará aos socios que máis préstamos realizaron no 2023, mentres que a Biblioteca de Lugo ten organizadas visitas guiadas polas súas instalacións.
  • A Rede Galega de Teatros e Auditorios dá comezo mañá en Lugo á súa nova programación semestral, no marco da que, ata o vindeiro mes de xuño, terán lugar 351 funcións escénicas e musicais en 41 concellos de toda Galicia. A Xunta e as entidades locais asociadas cofinancian este circuíto, que para todo o ano 2024 conta cun orzamento de arredor de dous millóns de euros, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte. En concreto, durante estes seis primeiros meses do ano serán máis de 130 as compañías escénicas e grupos musicais que actuarán na rede autonómica, xestionada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
  • A Xunta de Galicia intensificará a vixilancia das praias ante a posible chegada de máis pellets nos vindeiros días polo cambio das condicións marítimas, segundo informou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Durante a reunión que mantivo esta tarde con técnicos de MeteoGalicia para analizar a evolución das correntes mariñas, á que tamén asistiron o subdirector xeral de Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, e a directora de Instituto tecnolóxico para o control do medio mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, avaliáronse as previsións meteorolóxicas e a súa incidencia no desprazamento do material vertido polo mercante Toconao en augas portuguesas. Nesa liña, a vicepresidenta segunda explicou que un cento de efectivos se unirán, nos próximos días, ás máis de 200 persoas do operativo medioambiental despregado pola Xunta.
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego eleva a nivel medio o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental (Camgal) co obxecto de que o Goberno central actúe no mar para evitar deste xeito que máis pellets cheguen á costa. 'Trátase de traballar e colaborar entre todos', defendeu o mandatario galego sobre esta medida que deu a coñecer na Estrada (Pontevedra), tras visitar esta mañá a praia de Espiñeirido, en Porto do Son (A Coruña), unha da praias ás que teñen chegado estes residuos. Precisamente, salientou que máis de 200 profesionais da Administración autonómica, en colaboración cos concellos, están levando a cabo de forma monitorizada a limpeza destes pequenos plásticos en praias de 33 concellos.
  • A Cidade da Cultura acolle neste primeiro mes do ano unha selección do mellor cine para público miúdo cunha nova edición de Pequefilmes, o festival internacional de curtametraxes infantís que proxectará no Gaiás máis de medio cento de obras procedentes de 16 países, o 26, 27 e 28 de xaneiro. Con Pequefilmes, a Xunta consolida a súa aposta por ofrecer contidos audiovisuais de calidade desde idades temperás, fomentado o gusto polo cinema e o espírito crítico da rapazada, que será a encargada de elixir cos seus votos as mellores curtametraxes que serán premiadas no festival.
  • A Filmoteca de Galicia inicia as proxeccións da súa primeira carteleira mensual de 2024, na que sobresae a retrospectiva que se lle dedica ao director nipón Masahiro Shinoda, en colaboración coa Fundación Xapón. Esta escolma insírese na sección Esenciais da cinemateca da Xunta, no marco da que tamén en xaneiro arranca un especial sobre o realizador alemán Wim Wenders, que terá continuidade en febreiro. Este mes conclúe, ademais, o ciclo dedicado ao cineasta italiano Pier Paolo Pasolini, proxéctase a terceira entrega de Cancións de Pedro Costa e ponse en marcha a nova sección Materiais para una historia do cinema en Galicia, co obxectivo de lle dar unha maior visibilidade ao patrimonio audiovisual que conserva o arquivo da Filmoteca.
  • Galicia revalida o seu liderado como a Comunidade Autónoma con máis sendeiros azuis, cun total de 49 itinerarios recoñecidos, 14 máis que en 2023. Este galardón de bandeira sendeiro azul, concedido pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), busca poñer en valor o papel das sendas e camiños como recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e aprender a interpretar ambientalmente a contorna. Os 49 sendeiros azuis cos que contará Galicia en 2024 pertencen a 26 concellos, dos que 8 están na provincia da Coruña, 4 na de Lugo e 13 na de Pontevedra.
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego creará un novidoso mercado voluntario de créditos de carbono para que “as empresas e os cidadáns poidan compensar as súas emisións” e contribuír na loita contra o cambio climático ao financiar proxectos sostibles que persigan estes obxectivos. O Consello avaliou na súa reunión de hoxe o proxecto de decreto polo que se regula o Sistema de créditos de carbono da Xunta de Galicia e se acorda iniciar a súa tramitación. Esta norma permitirá a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono propio da nosa comunidade, unha iniciativa na que están implicadas a Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería do Medio Rural.